01 Novembro 2022. O proxecto do Colectivo Egeria “Máis aló do Camiño”, que recompila as súas dúas mostras itinerantes sobre o Camiño de Santiago, “O fin do Camiño” e “No Camiño”, chega a Ferrol, onde as exposicións foron inauguradas na Concatedral de San Xulián e no Ateneo Ferrolán, respectivamente.
O Fin do Camiño, na Concatedral de San Xulián
O obxectivo principal desta exposición é o de falar e promover a reflexión e o diálogo precisamente sobre “o fin” do Camiño de Santiago, abordando o ámbito máis íntimo e persoal do Camiño, do aspecto espiritual da Vía e do Camiñante. Os textos da exposición están redactados en galego, castelán e inglés para xeral comprensión, xa que está dirixida especialmente aos peregrinos, e así a súa programación inclúe numerosos puntos dos Camiños de Santiago, comezando polos fitos do Camiño Francés en Galicia. As fotografías son de dous importantes fotógrafos galegos –Eduardo Ochoa e Carlos Puga- que reflicten especiais visións dos Camiños a Compostela, arredándose das visións turísticas e centrándose nos aspectos humanos e monumentais, dos que se destacan os detalles máis sobranceiros.
Os textos abordan o tema de O FIN DO CAMIÑO como expresión dos sentimentos que moven ao peregrino para emprender este Camiño milenario, tendo capítulos especiais para o motor da fe, os máis de mil anos dos camiños, o percorrido cara a unha terra de brumas e de luz. Exprésase a procedencia dos peregrinos de lonxanas terras, polos camiños todos que levan a Compostela… destacando aspectos como que Europa se mira en Compostela, a peregrinación en multitude ou en soidade, os peregrinos singulares ou anónimos, o millón de pasos que constitúe o Camiño Francés, a cadea de fervores que o Camiño supón, para chegar á Capital de Occidente, visitar a tumba do apóstolo, completar un camiño interior reflexo do exterior percorrido, e emprender o Camiño de volta.
Cada panel conta con brevísimas glosas do Camiño de Urbano Lugrís, Dante ou Frei Luis de León; Filgueira ou Pensado; Tirso, Machado, Fraguas, Pondal, Cunqueiro, Torrente, Cervantes, Celso Emilio ou Manuel Rodríguez López. A mostra está composta por dez paneis dobres, de 2,30×0,80 metros, e ademais do patrocinio da Xunta de Galicia conta coa colaboración da Asociación de Municipios del Camino de Santiago e Acogida Cristiana del Camino, da Catedral de Santiago, e da plataforma en internet GaliciaDigital, que desenvolveu a web do proxecto cos contidos da exposición.
Máis información: www.ofindocamiño.org
No Camiño, no Ateneo Ferrolán
Son SEÑORES DA LUZ os que, aínda agora pero especialmente en tempos difíciles en recursos e tecnoloxía, captaban coas súas cámaras instantes de vida, deixando permanente constancia dunha presenza ou dun feito. Son SEÑORES DA PALABRA os que -en poesía ou en prosa- fabularon ou deixaron constancia de feitos acontecidos, situacións, persoas… dos mesmos lugares onde se fixeron as históricas fotos. E xa que imaxes e textos se centran nos Camiños de Santiago existentes nas terras lucenses, chamámoslle a esta acción “NO CAMIÑO”, para poñer de actualidade e en valor ese conxunto de obras que compre rescatar do esquecemento.
Con este Proxecto-Homenaxe a –coñecidos ou anónimos- históricos Señores da Luz e da Palabra, SEÑORES DOS CAMIÑOS en fin, mestres dos tempos heroicos da fotografía e da escrita, cronistas literarios e gráficos, queremos divulgar algunhas das súas fermosas imaxes, entrañables, inesquecibles, acompañadas por textos literarios que as complementan ou destacan, en singular conxunción de arte visual e literaria, ao servizo da intelixencia cómplice do espectador.
As fotografías, perfectamente localizables polo espectador e debidamente identificadas, son un valor por si mesmas e o testemuño da luz resulta complementado ou resaltado polas citas literarias, que poñen de relevo tanto os aspectos que a imaxe reflicte como outros detalles históricos ou sociais, que axudan á comprensión ou ao impacto, por completar a visión do espectador. A exposición está formada por 10 paneis impresos por ámbolos dous lados, que conteñen fotografías e os seus correspondentes textos.
Organiza esta acción o COLECTIVO CULTURAL EGERIA, coa colaboración de GaliciaDigital e do Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá, sendo comisario da mostra o responsable de fotografía deste histórico grupo lucense e prestixioso fotógrafo, Eduardo Rodríguez Ochoa e responsable da acción o Presidente do colectivo Egeria e do Grupo Fonmiñá, Xulio Xiz.
Máis información: www.nocamiño.org