27 Xullo 2022. O Colectivo Egeria segue adiante co seu novo proxecto “Máis aló do Camiño”, que recompila as súas dúas mostras itinerantes sobre o Camiño de Santiago: “O fin do Camiño” e “No Camiño”. Estas dúas exposicións foron inauguradas o venres 22 de xullo nas bibliotecas de Pontevedra e A Coruña, respectivamente.
O Fin do Camiño, en Pontevedra
O obxectivo principal desta exposición é o de falar e promover a reflexión e o diálogo precisamente sobre “o fin” do Camiño de Santiago, abordando o ámbito máis íntimo e persoal do Camiño, do aspecto espiritual da Vía e do Camiñante. Os textos da exposición están redactados en galego, castelán e inglés para xeral comprensión, xa que está dirixida especialmente aos peregrinos, e así a súa programación inclúe numerosos puntos dos Camiños de Santiago, comezando polos fitos do Camiño Francés en Galicia. As fotografías son de dous importantes fotógrafos galegos –Eduardo Ochoa e Carlos Puga- que reflicten especiais visións dos Camiños a Compostela, arredándose das visións turísticas e centrándose nos aspectos humanos e monumentais, dos que se destacan os detalles máis sobranceiros.
Os textos abordan o tema de O FIN DO CAMIÑO como expresión dos sentimentos que moven ao peregrino para emprender este Camiño milenario, tendo capítulos especiais para o motor da fe, os máis de mil anos dos camiños, o percorrido cara a unha terra de brumas e de luz. Exprésase a procedencia dos peregrinos de lonxanas terras, polos camiños todos que levan a Compostela… destacando aspectos como que Europa se mira en Compostela, a peregrinación en multitude ou en soidade, os peregrinos singulares ou anónimos, o millón de pasos que constitúe o Camiño Francés, a cadea de fervores que o Camiño supón, para chegar á Capital de Occidente, visitar a tumba do apóstolo, completar un camiño interior reflexo do exterior percorrido, e emprender o Camiño de volta.
Cada panel conta con brevísimas glosas do Camiño de Urbano Lugrís, Dante ou Frei Luis de León; Filgueira ou Pensado; Tirso, Machado, Fraguas, Pondal, Cunqueiro, Torrente, Cervantes, Celso Emilio ou Manuel Rodríguez López. A mostra está composta por dez paneis dobres, de 2,30×0,80 metros, e ademais do patrocinio da Xunta de Galicia conta coa colaboración da Asociación de Municipios del Camino de Santiago e Acogida Cristiana del Camino, da Catedral de Santiago, e da plataforma en internet GaliciaDigital, que desenvolveu a web do proxecto cos contidos da exposición.
Máis información: www.ofindocamiño.org